Ir o contido principal

Xornadas Augas Recreativas e Balnearios

Xornadas Augas Recreativas e Balnearios

O venres 17 de Outubro celebrouse no Salón de Actos do noso centro unhas xornadas organizadas polo Departamento de Química sobre "Augas recreativas e Balnearios".

Estas xornadas celebráronse co motivo da realización no CIFP Politécnico de Santiago do proxecto de innovación que leva por título: “Estudo da presenza de aditivos de uso cotiá (fragancias) e análise de parámetros lexislativos en augas de uso recreativo en Galicia”.

Preme sobre o seguinte enlace para acceder á reseña publicada en La Voz de Galicia sobre estas xornadas.

Dito proxecto xorde da colaboración entre  o profesorado e alumnado do departamento de química do CIFP Politécnico de Santiago e o grupo de investigación do Laboratorio de Investigación  y Desarrollo de Soluciones Analíticas (LIDSA) da Universidade de Santiago de Compostela. O obxectivo é a formación do persoal (alumnado e profesorado de química) do CIFP Politécnico de Santiago e a análise de augas de uso recreativo.

A primeira intervención (“Balnearios de Galicia”) foi realizada por Don Benigno Amor Barreiro, xerente da Asociación de Balnearios de Galicia. Dita asociación constituíuse no ano 1985 coa finalidade de representar e promocionar ao sector termal galego. Resaltou a importancia do sector na nosa comunidade autónoma. Na actualidade, Galicia conta con 21 centros de balneoterapia, representando o 17% do conxunto das instalacións termais existentes no Estado.  Reflexou as diferenzas entre balnearios (auga mineiro-medicinal declarada de utilidade pública, con tratamentos terapéuticos baixo supervisión médica) centros de talasoterapia (auga mariña, servizo médico non obrigatorio) e spas (augas non termais).

Resaltou que a empresa balnearia actual non é só unha casa de saúde, senón tamén un destino turístico, binomio que está moi presente na xestión empresarial e no marketing do sector na actualidade. Modelo de empresa comprometida co desenvolvemento sostible: empregan o recurso sen comprometer o seu futuro, crean emprego e riqueza, fixan poboación e satisfán necesidades ao mellorar a calidade de vida das persoas.

A seguinte ponencia (“Contaminantes emerxentes: productos de coidado persoal e do fogar”) foi levada a cabo por Dona Carmen García Jares e Dona María Llompart Vizoso, profesoras titulares do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía e investigadoras senior do LIDSA da USC. Mostraron a recente preocupación pola presenza no medio ambiente dos “contaminantes emerxentes”, sustancias de alta e continúa introducción no medio das que se carece de suficiente información toxicolóxica, que non están reguladas e pouco investigadas ata o momento. É o caso dos fármacos, drogas de abuso, fragancias, filtros solares, antioxidantes e conservantes, retardantes de chama, insecticidas, biocidas, etc. Analizaron as características dos ingredientes de cosméticos, presentes no entorno doméstico como potenciais contaminantes emerxentes (fragancias alerxénicas, musks sintéticos, plastificantes, filtros UV e conservantes). Sustancias que se liberan ao ambiente de forma continua en forma líquida (augas residuais), sólida (residuos) e incluso gaseosa ao aire exterior. Por último presentaron novos métodos de análise destas sustancias: a microextracción en fase sólida (SPME) e a microextracción en fase líquida asistida por ultrasóns (USAEME) en combinación coa Cromatografía de Gases – Masas. Métodos eficaces e de baixo custe ademáis de respetuosos con medio ambiente para o control dos distintos tipos de augas.

A última intervención (“Análise de augas: toma de mostras”) foi realizada por Ana Lago en representación da empresa Labaqua S.A. Nela analizáronse aspectos relacionados coa mostraxe de augas (recreativas, destinadas ao consumo humano, subterráneas, residuais, etc), biota, sedimentos e lamas. Describíronse as características da planificación da etapa de mostraxe (parámetros que se analizan “in situ” (pH, conductividade, temperatura, cloro libre residual…), número e tipo de mostras, equipos e material, aspectos relacionados co pretratamento das mostras antes da súa análise e o control de calidade de todo o proceso), descripción práctica do traballo de campo, parámetros de análise habituais en augas e, por último, avaliación de resultados e informes.  Trouxo consigo parte dos equipos e material utilizado na mostraxe que nos ensinou durante a súa intervención.

A estas xornadas acudiron aproximadamente unhas 150 persoas, fundamentalmente alumnos e ex – alumnos dos ciclos formativos de química así como o profesorado do departamento de química, membros da dirección e outras persoas interesadas.

Alberto Martínez Rico - Profesor do Departamento de Química
 

O CIFP Politécnico de Santiago acolle ao redor de mil cincocentos alumnos e alumnas en oito familias profesionais, convertíndose nun punto de encontro entre a formación profesional e o mundo laboral.

Redes sociais