A USC impartirá un curso que capacita o profesorado técnico para impartir docencia en FP
A USC impartirá un curso que capacita o profesorado técnico para impartir docencia en FP | |
---|---|
![]() | O conselleiro e o reitor asinan un convenio de colaboración para impartir un curso de especialización co que se lle dá cobertura ás persoas que, pola súa titulación, non poden acceder ao máster de profesorado. |
Para impartir docencia en FP, a Lei Orgánica de Educación (LOE) de 2006 establece os mesmos requisitos que para ESO e Bacharelato e que son posuír o título de licenciado, enxeñeiro ou arquitecto ou o de grao equivalente, ademais da formación de posgrao necesaria. Porén, este requisito non o pode cumprir o corpo de profesorado técnico de FP, dado que ao ser titulados de formación profesional non poden acceder a un master universitario. Así, para estes casos nos que se posúa unha titulación declarada equivalente para a docencia pero sen acceso a estudos de master, a Universidade de Santiago de Compostela comeza a ofrecer este ano académico 2017-2018 o Curso de especialización en formación pedagóxica e didáctica do profesorado técnico de Formación Profesional, o único que se imparte en Galicia e que a Xunta de Galicia validou esta mañá coa sinatura dun convenio entre reitor da USC, Juan Viaño, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez. Máis información nos portais da Consellería e da USC. |