Ir o contido principal

A Escola Profissional de Braga


Unha mostra da Formación Profesional en Portugal (Primeira parte)

O Ensino Profissional portugués é un pouco diferente da Formación Profesional española na súa estrutura, mais non tanto nos seus obxectivos e duración.

Partimos da base de que o sistema educativo portugués desenvólvese en tres niveis: básico, secundario e superior, como no caso español, pero a duración dos seus niveis e ciclos é moi diferente. Así, a Educación Básica portuguesa divídese en tres ciclos; sendo os dous primeiros como a nosa Educación Primaria e o terceiro ciclo como os tres primeiros cursos da E.S.O.

En Portugal, o alumnado debe decantarse por seguir estudando ou formarse para a incorporación ao mercado laboral un curso antes que en España. Así, se o seu obxectivo é facer estudos universitarios deberán cursar a Educación Secundaria, que en Portugal comprende tres cursos (como o noso 4º da E.S.O. e os dous cursos de Bacharelato). Pola contra, se queren traballar, deberán facer un Curso Profissional, que consta de tres anos académicos. E non teñen máis opcións que esas dúas xa que en Portugal o ensino é obrigatorio ate os 18 anos de idade.

Os que comezan un Curso Profissional teñen por diante tres cursos académicos e non poden ser maiores de 19 anos, xa que para estes existe outro tipo de cursos que van por outra vía. O seu plano de estudos inclúe tres compoñentes de formación: sociocultural, científica e técnica; por iso dura un curso máis que os nosos ciclos medios. 

As disciplinas de formación sociocultural son iguais para todos: Portugués, Lingua Estranxeira, Área de Integración, Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) e Educación Física. A Lingua Estranxeira soe ser inglés e a Área de Integración é unha materia na que se abordan cuestións de cultura xeral, medio-ambiente, a Unión Europea, as relacións interpersoais... O resto de materias non precisa de explicación xa que son como as nosas.

As materias da compoñente científica depende da familia profesional á que pertencen os Cursos Profissionais, aínda que eles non teñen esa clasificación tan cerrada como nós. Matemática e Física e Química son os dous módulos para os estudos máis técnicos; Matemática, Física e Química e Bioloxía para os da rama sanitaria; Matemática e Economía para os da familia de administración; etc.

As disciplinas de formación técnica xa dependen de cada curso profissional e serían como os nosos módulos.

Cada disciplina (sociocultural, científica ou técnica) divídese en Unidades de Formação de Curta Duração (UFCD), de 25 ou 50 horas de duración, que serían como as nosas unidades formativas dos módulos profesionais, e que veñen fixadas polo currículo.

Este sistema formativo ten uns 30 anos de antigüidade en Portugal e se encargaban en exclusiva da formación escolas privadas que recibían fondos públicos; tanto para a administración, docencia ou para sufragar os gastos do alumnado. Todo o alumnado de cursos profissionais en Portugal recibe unha bolsa de estudos para sufragar a súa alimentación, transporte, material escolar e os gastos derivados das súas prácticas, en Portugal ou no estranxeiro. Un exemplo destas escolas privadas é a Escola Profissional de Braga que ten no seu haber 30 anos de experiencia impartindo formación profesional, e á que agradezo o seu acollemento durante esta semana  de formación.

Hai cinco anos, o goberno foi incorporando cursos profissionais ás escolas públicas polo que, na actualidade, moitas escolas públicas ofertan as dúas vías de Formación Secundaria: Educación Secundaria e Profesional. 

O CIFP Politécnico de Santiago acolle ao redor de mil cincocentos alumnos e alumnas en oito familias profesionais, convertíndose nun punto de encontro entre a formación profesional e o mundo laboral.

Redes sociais