A profecía do armadillo

O venres, 16 de xaneiro, celebrouse unha nova reunión do club de lectura do curso 2025-2026 na hora do descanso, dedicada a A profecía do armadillo, de Zerocalcare. Ao longo do encontro, o debate centrouse especialmente no uso do armadillo como representación do subconsciente do protagonista, permitíndolle exteriorizar pensamentos subxectivos, irracionais e anxiosos, e amosar como estes chegan a ser asumidos polo propio personaxe como razoables, lóxicos e mesmo obxectivos.
Chamou tamén a atención a maneira en que a obra aborda o mundo interior do protagonista, integrando reflexións íntimas e pensamentos contraditorios no relato cotián, así como a capacidade do autor para presentar emocións complexas con aparente sinxeleza. Destacouse, ademais, a gran expresividade do debuxo, que reforza o contido emocional da narración.
A seguinte reunión terá lugar o venres, 23 de xaneiro de 2026, tamén na hora do descanso. Nela trataremos Na sala dos espellos, a novela gráfica de Liv Strömquist, traducida por David Á. Álvarez Martínez.