Ir o contido principal

Presas fáciles

O venres, 5 de decembro, celebrouse a segunda reunión do club de lectura do curso 2025-2026 na hora do descanso, dedicada a Presas fáciles – Voitres, de Miguelanxo Prado. Nesta obra, o autor constrúe un relato policial que afonda nas sombras da sociedade contemporánea a través da investigación emprendida polos axentes Tabares e Sotillo. O caso, aparentemente sinxelo, arrinca co suicidio de Irina tras recibir no seu móbil unhas fotografías íntimas, pero axiña se revela como unha complexa rede de manipulación, acoso cibernético e vulnerabilidade emocional. A medida que avanzan nas pescudas, os investigadores van desenterrando segredos que iluminan non só a traxedia da moza, senón tamén os mecanismos de presión que operan na vida dixital e que con frecuencia permanecen invisibles.

Co seu estilo gráfico recoñecible e unha narrativa que combina suspense e crítica social, Miguelanxo Prado convida a reflexionar sobre o impacto real que poden ter determinadas prácticas na rede e sobre como, ás veces, as noticias que lemos nos xornais agochan historias que superan a ficción.

A seguinte reunión terá lugar o venres, 12 de decembro, tamén na hora da pausa. Trataremos A profecía do armadillo, a novela gráfica de Zerocalcare.

Redes sociais