Ir o contido principal

O CIFP Politécnico de Santiago co Plan FPGal360!

O pasado 24 de xaneiro levouse a cabo na Cidade da Cultura,  a presentación do Plan FPGAL360 que busca transformar a Orientación Profesional e Vocacional en Galicia a través de medidas innovadoras e inclusivas.
O Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e a Directora Xeral de FP, Eugenia Pérez, destacaron o Plan FPGal360 como unha ferramenta clave para xerar oportunidades e garantir unha formación adaptada ás necesidades do mercado laboral.

No evento, tamén interveu o noso ex-alumno e recente Premio Extraordinario de FP, Ricardo Pereira, que dende a súa experiencia persoal, animou a apostar pola Formación Profesional, destacando as súas grandes saídas laborais, tanto en modalidade DUAL como Ordinaria.

O Plan FPGal360 estrutúrase en tres eixes principais:

1️⃣ Reducir o abandono escolar temperán, promovendo que todos os mozos sigan estudando ata, polo menos, os 18 anos.
2️⃣ Mellorar a orientación profesional e vocacional. Inclúe a creación do OPI Orienta, unha ferramenta tecnolóxica que emprega intelixencia artificial para axudar no deseño de itinerarios formativos personalizados e facilitar o acceso á información sobre saídas profesionais.
3️⃣ Facilitar a formación e titulación de persoas sen cualificación para mellorar a súa empregabilidade.

Desde o CIFP Politécnico de Santiago, celebramos este tipo de iniciativas que impulsan unha Galicia máis formada e preparada para os retos do futuro.

O CIFP Politécnico de Santiago acolle ao redor de mil cincocentos alumnos e alumnas en oito familias profesionais, convertíndose nun punto de encontro entre a formación profesional e o mundo laboral.

Redes sociais