Na sala dos espellos

O luns, celebrouse unha nova reunión do club de lectura do curso 2025-2026 na hora do descanso, dedicada a Na sala dos espellos, a novela gráfica de Liv Strömquist, traducida por David Á. Álvarez Martínez. Ao longo do encontro, o debate centrouse especialmente na reflexión crítica que a autora propón arredor da ditadura da imaxe e do espello —en todas as súas formas contemporáneas— e no impacto que esta exerce sobre a construción da identidade persoal e, de maneira moi especial, sobre o corpo das mulleres.
A partir de exemplos procedentes da cultura popular, da historia e da actualidade —desde figuras como Marilyn Monroe ou Sissi de Austria ata fenómenos ligados ás redes sociais—, analizouse como a mirada constante, a autoobservación e a necesidade de validación externa condicionan a relación co propio corpo.
A seguinte reunión terá lugar o venres, 20 de febreiro, tamén na hora do descanso. Nela trataremos Transitorios, de NADAR.