EMPRENDEMENTO: Conferencia no CIFP Politécnico de Santiago
"Saídas laborais singulares" con Espina&Delfín
O pasado martes, 14 de maio, tivemos o pracer de contar coa presenza de Óscar Rodríguez Gutiérrez e Alejandro Amoedo Martínez, Conselleiro Delegado e Director Xeral respectivamente da empresa Espina&Delfín, sendo partícipes do ciclo de conferencias realizadas baixo a temática: “Saídas laborais singulares”.
A través da súa intervención, os relatores presentaron ao noso alumnado de 1º curso o “Programa Delfines”, unha iniciativa que busca incorporar novos talentos a esta empresa a través da oferta de bolsas e contratos en prácticas, ás que poderán optar nas distintas áreas da compañía.
A actividade espertou máximo interese entre todos os asistentes, tanto alumnado como profesorado, debido a que gran parte das familias profesionais ofertadas no noso centro encaixan perfectamente cos perfís profesionais demandados por esta destacada empresa.
Desde o CIFP Politécnico de Santiago, queremos trasladar o noso agradecemento aos representantes de Espina&Delfín por participar en iniciativas como esta, permitindo aos nosos estudantes coñecer novas alternativas para o seu futuro profesional, ademais de pór en valor a traxectoria e o papel destacado que teñen no noso tecido empresarial empresas familiares tan prestixiosas como é o caso de Espina&Delfín.