Ir o contido principal

Celebración de Conferencia


"A física dos píxeles"

O martes 15 de xaneiro, no Salón de Actos do noso centro, tivo lugar unha conferencia sobre a física dos píxeles, impartida por Dna. Paula López Martínez, profesora investigadora do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (USC), Dpto. de Electrónica  e Computación (Escola Técnica Superior de Enxeñaria, USC).

Desde que en 1966 Peter Noble inventase o primeiro píxel activo (base das cámaras dixitais que atopamos na actualidade en todo tipo de dispositivos, por exemplo teléfonos móbiles) ata a actualidade, moitos foron os avances tecnolóxicos, pero a física dos píxeles segue sendo o elemento esencial. Nesta charla, explicouse ao alumnado os conceptos elementais que subxacen detrás dun fotodíodo ou un píxel ata chegar á concepción das cámaras de imaxe actuais.

Paula López Martínez recibiu o título de doutora en Física pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) en 2003. Posteriormente desfrutou dun contrato posdoutoral no Instituto Fraunhofer de Circuítos Integrados en Erlangen (Alemaña) durante dous anos sendo na actualidade profesora titular na USC.  O seu traballo de investigación inclúe o deseño de circuítos integrados de sinal mixto para aplicacións de procesado de imaxes e o modelado físico de dispositivos electrónicos e sensores de imaxe CMOS, así como a traslación destes modelos a linguaxes de simulación hardware. Éautora de máis de 50 publicacións internacionais e revisora habitual de revistas e congresos.

O CIFP Politécnico de Santiago acolle ao redor de mil cincocentos alumnos e alumnas en oito familias profesionais, convertíndose nun punto de encontro entre a formación profesional e o mundo laboral.

Redes sociais