Alumnado restaura patrimonio de Protección Civil
O vehículo histórico recuperado polo alumnado do CIFP Politécnico participará no 30 aniversario de Protección Civil
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Santiago celebrará o vindeiro 16 de xuño unha xornada de exhibición de medios e servizos de emerxencia no exterior do estadio Vero Boquete de San Lázaro, unha actividade enmarcada nos actos conmemorativos do seu 30 aniversario.
Entre as iniciativas que formarán parte desta celebración destaca a colaboración do CIFP Politécnico de Santiago na recuperación dun vehículo histórico da agrupación. Trátase dun Nissan Patrol de 1997 que foi restaurado coa participación do alumnado do centro, permitindo recuperar un vehículo cun importante valor simbólico para Protección Civil e ligado á historia da entidade.
Durante a presentación da xornada, o vicedirector do CIFP Politécnico de Santiago, José Manuel Carbia Pichel, explicou o proceso de recuperación do vehículo, que conta con preto de 210.000 quilómetros e que volve estar operativo grazas ao traballo desenvolvido no centro. Esta actuación constitúe un exemplo da colaboración entre institucións e do valor formativo que supón para o alumnado participar en proxectos reais vinculados ao servizo público.
A xornada desenvolverase en horario de mañá e tarde e contará coa participación de distintos corpos de seguridade e servizos de emerxencia, que realizarán exposicións de medios, demostracións prácticas e simulacros abertos á cidadanía.
Fonte: DiariodeSantiago.es
Fotografía: DiariodeSantiago.es