Programa EduTecEmprende: Visita a AIMEN Centro Tecnolóxico
O alumnado de 2º CS de Construccións Metálicas do CIFP Politécnico de Santiago tivo a oportunidade de participar, o pasado 12 de febreiro, nunha visita a AIMEN Centro Tecnolóxico, no marco do programa #Eduemprende #EduTecEmprende.
A xornada comezou a primeira hora da mañá no Edificio Armando Priegue, situado no complexo de Torneiros (O Porriño). Alí, os estudantes coñeceron de primeira man o traballo realizado neste centro de referencia en innovación e tecnoloxía. Posteriormente, trasladáronse ao Centro de Aplicacións Láser, onde puideron coñecer os últimos avances nesta área de vangarda.
O programa EduTecEmprende busca fomentar o espírito emprendedor do alumnado mediante o contacto directo coa realidade empresarial e tecnolóxica de Galicia, contribuíndo a espertar o interese polas áreas STEM, fundamentais no ámbito da familia profesional de Fabricación Mecánica.
A visita, ademais, supuxo unha oportunidade clave para achegar aos futuros profesionais ás necesidades do mercado e reforzar a súa formación cunha visión práctica e actualizada.