Xornada ASINEC
Xornada de tramitación de instalacións eléctricas no CIFP Politécnico de Santiago
O CIFP Politécnico de Santiago acolleu recentemente unha xornada formativa sobre a tramitación de instalacións eléctricas e de telecomunicacións, impartida coa colaboración de ASINEC, e dirixida ao alumnado de segundo curso do Ciclo Superior de Sistemas Electrotécnicos e Automatizados.
Durante a sesión, o alumnado puido coñecer de primeira man os procedementos necesarios para dar de alta unha empresa no rexistro de empresas instaladoras, así como a titulación esixida, os medios técnicos necesarios e os custos asociados ao inicio da actividade profesional. A xornada incluíu tamén unha parte práctica na que se traballou co aplicativo FEGA-PC, realizando unha simulación completa dunha tramitación de instalación de baixa tensión.
A parte final estivo dedicada ás infraestruturas de recarga do vehículo eléctrico, abordando tanto a normativa de aplicación como diferentes exemplos prácticos de instalación de puntos de recarga, un ámbito de especial relevancia no contexto actual da transición enerxética.
Esta iniciativa permitiu achegar o alumnado á realidade profesional do sector e reforzar a súa preparación para a futura incorporación ao mercado laboral.