Visita técnica INEGA
Este xoves, 13 de xuño, profesorado da familia profesional de Electricidade e Electrónica e alumnado de primeiro curso dos ciclos formativos de grao superior de Sistemas Electrotécnicos e Automatizados e de Automatización e Robótica Industrial visitaron as instalacións de INEGA (Instituto Enerxético de Galicia) para coñecer a Rede de Enerxía da Xunta de Galicia (REDEXGA).
Ao comezo desta xornada técnica recibiunos o director de INEGA, Pablo Fernández Vila, quen fixo unha presentación das instalacións do centro. A continuación, Emérito M. Freire Sambade, xefe do departamento de Coordinación de Eficiencia Enerxética no sector público, explicounos a importancia da eficiencia e aforro enerxético para os centros dependentes da Xunta de Galicia e as enormes vantaxes de poder facer unha contratación conxunta do subministro enerxético.
Por último, Eduardo Fontúrbel Martínez, responsable de Proxectos de Enerxía no ITG (Instituto Tecnolóxico de Galicia), presentounos a ferramenta informática de xestión da REDEXGA, plataforma software que axuda na xestión enerxética da rede, monitorizando o seu consumo enerxético, posibilitando o deseño de instalacións de autoconsumo e permitindo a agrupación de centros dependentes da rede mediante a creación de comunidades enerxéticas.