Ir o contido principal

Visita técnica do alumnado de Sistemas de Telecomunicacións e Informáticos ás instalacións de CTV

Este luns, 11 de novembro de 2024, o alumnado de 2º curso do ciclo formativo de grao superior de Sistemas de Telecomunicacións e Informáticos realizou unha visita técnica ás instalacións de CTV, a coñecida produtora audiovisual galega situada no concello de Teo. 

Esta actividade, organizada no marco do módulo de Sistemas de Produción Audiovisual, tiña como obxectivo achegar o alumnado ao funcionamento real dos sistemas empregados na industria audiovisual. Durante a visita, os estudantes percorreron os distintos platós da produtora, así como as súas salas de control de imaxe, son e iluminación, onde descubriron como se integran estas tecnoloxías para dar soporte á produción televisiva. 

A xornada culminou coa participación na gravación do programa "Gran Gala do SuperMartes", unha oportunidade perfecta para observar en directo o traballo en equipo e a coordinación necesarios nunha produción audiovisual de gran formato. 

Dende o CIFP Politécnico de Santiago, queremos expresar o noso agradecemento a @ctvgal pola súa hospitalidade e colaboración. Actividades como esta son clave para ofrecer ao noso alumnado unha formación práctica, conectada coa realidade do sector audiovisual.

Redes sociais