SpainSkills 2026
Participación destacada nos SpainSkills 2026 e medalla de ouro para Héctor Sánchez Bellón
O noso centro quere facer público o seu recoñecemento aos alumnos Martín Souto Fernández e Héctor Sánchez Bellón, integrantes da selección galega de Formación Profesional, pola súa participación nos SpainSkills 2026, celebrados a pasada semana en Madrid.
Ambos competiron a un altísimo nivel nun dos campionatos estatais máis esixentes da FP. Martín participou na especialidade de Electrónica e Héctor na de Tecnoloxía do Automóbil.
Cómpre salientar de maneira especial o extraordinario resultado acadado por Héctor Sánchez Bellón, quen obtivo a medalla de ouro no skill de Tecnoloxía do Automóbil. Este galardón, máximo recoñecemento na súa especialidade, permitiralle representar a España no Campionato de Europa, que terá lugar en Düsseldorf (Alemaña), e no Campionato Mundial, que se celebrará en Shangai (China).
Parabéns aos dous polo voso esforzo, compromiso e excelente representación da FP galega. Estes resultados son motivo de orgullo para toda a comunidade educativa e reflicten o alto nivel de preparación do noso alumnado e do profesorado que o acompaña.