ESEDEGAL colabora co Politécnico
ESEDEGAL doa material técnico ao CIFP Politécnico de Santiago para reforzar a formación práctica en electricidade e telecomunicacións
A empresa ESEDEGAL, empresa de consultoría enerxética especializada en sectores industriais con sede en Santiago de Compostela, colabora co CIFP Politécnico de Santiago na transferencia de competencias e tecnoloxía.
Ao abeiro desta colaboración, ESEDEGAL, doou ao CIFP Politécnico de Santiago materiais de instalacións eléctricas e de telecomunicacións. Algúns dos materiais están sen estrear e outros en perfecto estado de uso e pasarán a formar parte dos recursos didácticos do centro para a realización de prácticas nos ciclos da familia de electricidade-electrónica que se imparten no centro.
A idea xurdiu da vontade de colaborar coa Formación Profesional, aportando recursos e transferencia de competencias, dende a experiencia de ESEDEGAL, para a formación do profesorado e alumnado. Isto permitirá traballar co mesmo tipo de equipos e compoñentes que se usan nos proxectos do día a día, contribuíndo a completar a formación técnica cunha experiencia idéntica á realidade profesional.
Dende ESEDEGAL, a intención é que esta sexa só a primeira aportación para seguir doando materiais ao centro e explorar novas formas de colaboración, que contribúan á formación de futuros e futuras profesionais do sector. Para ESEDEGAL apoiar iniciativas como esta é unha forma de devolver ao territorio parte do que el lles deu.