Doazón de sangue
Agradecemento pola campaña de doazón de sangue no CIFP Politécnico
Durante os días 8 e 9 de outubro, a unidade móbil de ADOS (Axencia de Doazón de Órganos e Sangue) visitou o CIFP Politécnico de Santiago, onde se obtiveron 37 doazóns de sangue, das cales 15 corresponderon a persoas que doaban por primeira vez.
Grazas á solidariedade da comunidade educativa, e segundo os datos estimativos de ADOS, esta participación permitiría dispoñer, por exemplo, de glóbulos vermellos para 18 intervencións cirúrxicas, 3 transplantes de órganos e plaquetas para 7 doentes en tratamento contra o cancro ou a leucemia.
Dende o ano 1995, o Politécnico mantén unha colaboración estable con ADOS, sumando xa máis de 3.100 doazóns realizadas no centro. Agradecemos sinceramente a todas as persoas que participaron nesta iniciativa solidaria e contribuíron a facer posible que moitos enfermos recuperen a saúde.
Pódese consultar o comunicado de agradecemento de ADOS na ligazón adxunta.