Ir o contido principal

Celebración de Actividade Formativa


"Programa Eduemprende Actúa"

Alumnado de 2º curso dos ciclos formativos do centro participou o martes 1 de febreiro no programa Actúa 2021-22 da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Este programa que se desenvolve no marco do Plan eduemprende vai dirixido a fomentar, motivar e sensibilizar ao alumnado no espírito emprendedor.

Esta acción establécese dentro dun ámbito de colaboración co IGAPE, en favor do impulso da cultura emprendedora entre o alumnado de ciclos formativos de grao medio e superior das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño e de bacharelato que estean a cursar “Economía”.

O obxectivo deste programa é achegar a realidade emprendedora ao alumnado dos centros educativos coa presenza activa de persoal técnico do IGAPE e dunha/s persoa/s emprendedora/s que dean a coñecer ao alumnado a súa experiencia persoal, como ferramenta que lle permita afianzar o espírito emprendedor e a iniciativa empresarial a partir de aptitudes como a creatividade, a iniciativa, o traballo en equipo, a confianza nun mesmo e o sentido crítico. Tamén se pretende pór en valor o traballo desenvolvido polo profesorado e o alumnado na aula.

A actividade consistía nunha charla- presentación no salón de actos do centro por parte da formadora María Traveso Lago, de Promove Consultoría, e por un emprendedor Álvaro Rey Rodríguez, da empresa Makergal na que se dedica á fabricación de máquinas 3D. Este emprendedor explicou ao alumnado cal fora a súa traxectoria empresarial e o alumnado fíxolle diversas preguntas sobre esta experiencia.

Desenvolvéronse dúas sesións ao longo da mañá para facilitar a participación do alumnado.

O CIFP Politécnico de Santiago acolle ao redor de mil cincocentos alumnos e alumnas en oito familias profesionais, convertíndose nun punto de encontro entre a formación profesional e o mundo laboral.

Redes sociais