Ir o contido principal

Celebración de Mesa Redonda


"Electricidade e Electrónica"

A última xornada desta semana de Mesas Redondas foi dedicada á familia profesional de Electricidade e Electrónica. Na mesma contamos coa presencia de Manuel Rial, fundador de Seguridade A1, Santiago Moroño, socio cofundador de Strelia Electrotecnia, e Cristian Fernández, ex alumno do ciclo superior de Mantemento Electrónico e traballador de Strelia Electrotecnia.

Abreu a mesa Manuel Rial relatando a súa experiencia formativa no noso centro como alumno de Mestría Industrial na especialidade de Electrónica, alá polos anos setenta. Tras rematar os estudos e, vendo unha oportunidade laboral no campo das alarmas e a seguridade persoal, decidiu establecerse pola súa conta coa axuda dun socio que se encargaba da parte máis administrativa e de financiación. Cando circunstancias da vida fixeron que esta sociedade se rompera, decatouse das dificultades que presentaban as entidades financieiras para dar crédito a empresas que comezaban e que non dispoñían de bens materiais cos que ser avalados. Unha combinación de traballo e constancia foron claves na evolución de Seguridade A1, que dispón na actualidade de máis de cen empregados e unha facturación de dez millóns de euros anuais.

A continuación, Santiago Moroño comezou a súa intervención narrando as circunstancias laborais que desencadenaron a creación de Strelia Electrotecnia. A terrible crise económica sufrida en España e Europa a comezos da primeira década do século XXI provocou que traballadores como el, cunha carreira profesional de máis de vinte anos, acabaran engrosando a lista do paro. Entón, un grupo de compañeiros da súa antigua empresa decidiron empregar os cartos do subsidio de desemprego nun proxecto cooperativo que se dedica hoxe en día ao desenvolvemento electrónico, ao deseño de produtos electrónicos baixo demanda do cliente en campos tan dispares como a oceanografía, as ciencias da terra ou as telecomunicacións. 

Para concluír, a vida laboral de Cristian Fernández comezou cando entrou en Strelia Electrotecnia para a realización do módulo de Formación en Centros de Traballo. Unha sólida formación académica e o traballo ben feito fixeron o resto e Cristian foi contratado nesta empresa cando rematou este módulo profesional.

En definitiva, testimonios de tres profesionais do sector da Electricidade e Electrónica que pecharon as nosas Mesas Redondas por este curso académico e que pretenderon mostrar ao alumnado outras salidas profesionais dentro do emprendemento.

Preme sobre as seguintes ligazóns para acceder a unhas fotografías da xornada.

 
 
 
 

 

 

O CIFP Politécnico de Santiago acolle ao redor de mil cincocentos alumnos e alumnas en oito familias profesionais, convertíndose nun punto de encontro entre a formación profesional e o mundo laboral.

Redes sociais