Ir o contido principal

Exposición Solidaria "Nos teus ollos"

Exposición Solidaria "Nos teus ollos"

A Asociación Cultural Fotoforum Compostela inaugurou o pasado xoves 4 de decembro unha exposición solidaria: "Nos teus ollos", organizada en colaboración co colectivo Xuntos Podemos, na sala de exposicións da Fundación Torrente Ballester, na Rúa do Vilar da capital galega.

A mostra componse de 50 pezas, da autoría dos membros da asociación, que proxectaron un traballo fotográfico baixo o lema "Nos teus ollos", máxima que serve tamén de título á exposición. O leitmotif que inspirou este proxecto trata de profundar na capacidade de empatía do ser humano, a idea de poñerse na situación doutra persoa e alcanzar a comprender a complexidade do seu universo persoal pero, ao tempo, tomar consciencia da proximidade de ideas, sentimentos e sensacións tantas veces compartidas e vividas por todos nós, calquera que sexa a circunstancia particular que nos rodea. "Nos teus ollos" é un exercicio de comprensión e de interpretación da vida allea a través do estilo de mirar o mundo, de retratalo e fotografalo dos autores do Fotoforum.

A finalidade desta mostra é, por unha banda, convidar o público á reflexión de nosa propia capacidade de análise da contorna e de empatía co próximo; e, por outra, contribuír a recadar fondos para as actividades que leva a cabo o colectivo Xuntos Podemos, neste caso a favor do Albergue Xoan XXIII de Santiago. Os autores das pezas cederon as súas obras a este colectivo, quen destinará a integridade do obtido coa súa venda para financiar esta nova campaña de axuda, con vistas ás datas de Nadal.

Redes sociais