Ir o contido principal

Héctor Sánchez Bellón, medalla de excelencia en Shanghai


O noso alumno acada a medalla de excelencia en WorldSkills Shanghai 2026

O noso alumno Héctor Sánchez Bellón pechou a súa participación en WorldSkills Shanghai 2026 cunha medalla de excelencia na especialidade de Tecnoloxía do Automóbil (Automobile Technology), un recoñecemento reservado aos competidores que superan os 700 puntos.

Ao longo da competición, Héctor afrontou nove probas que abrangueron diferentes ámbitos da tecnoloxía do automóbil: freos, suspensión e dirección, comprobacións físicas do cambio automático e do motor, vehículo eléctrico, sistemas eléctricos auxiliares e sistemas avanzados de asistencia á condución (ADAS), xestión do motor, medición da compresión e sistemas de acendido.

A complexidade, a cantidade e a diversidade destas probas poñen de manifesto a esixencia da competición e o valor do recoñecemento acadado.

Desde o CIFP Politécnico de Santiago queremos felicitar a Héctor polo seu esforzo, dedicación e excelente traballo ao longo dos meses de preparación e durante a competición. Este resultado constitúe un motivo de orgullo para toda a comunidade educativa e incorpora o seu nome á historia do noso centro.

Queremos expresar tamén o noso agradecemento ao equipo docente implicado na súa preparación, polo seu esforzo e compromiso, cun recoñecemento especial aos seus titores, José Manuel Grille Martínez e Roberto Gesto Novo, polo traballo desenvolvido e polo seu acompañamento ao longo de todo este proceso.

Este importante logro non supón o final do camiño. Agora continuaremos coa preparación de Héctor para a súa próxima cita internacional: EuroSkills Düsseldorf 2027, que terá lugar en Alemaña en setembro de 2027.

Redes sociais