Ir o contido principal

O Politécnico premiado por MECADRON


O CIFP Politécnico de Santiago, premiado no concurso “Emprender es soñar, ¿Te apuntas?” co proxecto MECADRON

O CIFP Politécnico de Santiago recibiu o galardón na categoría de Bacharelato e Formación Profesional de Grao Medio e Superior do concurso “Emprender es soñar, ¿Te apuntas?”, unha iniciativa promovida pola Asociación Gallega de la  Empresa Familiar (AGEF) en colaboración con Afundación, Obra Social de ABANCA.

O proxecto premiado, MECADRON, foi desenvolvido por cinco estudantes de 1º do Ciclo Formativo de Grao Superior de Mecatrónica Industrial do noso centro. A proposta consiste nun sistema de loxística intelixente para o reparto de paquetería mediante drons autónomos guiados por Intelixencia Artificial, capaces de realizar entregas ultrarrápidas en menos de 30 minutos.

O certame recoñeceu o carácter innovador da idea, o seu potencial impacto social, así como o traballo en equipo, a capacidade de comunicación e o proceso de deseño emprendedor desenvolvido polo alumnado.

Nesta edición participaron 53 proxectos tecnolóxicos de impacto social elaborados por 283 estudantes de trece centros educativos galegos, dentro da sexta edición do programa “Empresa familiar en las aulas”, que achega o mundo empresarial ao alumnado e fomenta o espírito emprendedor entre a mocidade.

Desde o CIFP Politécnico de Santiago queremos felicitar ao equipo de MECADRON polo seu excelente traballo, compromiso e creatividade, así como agradecer ao profesorado implicado o acompañamento e apoio ao longo de todo o proceso.

Este recoñecemento supón unha mostra máis do talento, da capacidade innovadora e do potencial emprendedor do noso alumnado de Formación Profesional.

Parabéns ao equipo MECADRON!

Redes sociais