Ir o contido principal

GaliciaSkills 2025


Alumnado do Politécnico de Santiago, medallas de ouro e prata en GaliciaSkills 2025

O CIFP Politécnico de Santiago participou activamente nas Olimpíadas Galegas da Formación Profesional, GaliciaSkills 2025, celebradas esta semana no recinto feiral de Silleda. O centro estivo representado en seis especialidades: Ebanistaría, Carpintaría, Tecnoloxía do automóbil, Pintura do automóbil, Electrónica e Control industrial, ademais de encargarse da organización do TrySkills de tecnoloxía de laboratorio químico. 

O alumnado do Politécnico logrou uns magníficos resultados, con dúas medallas de ouro e unha de prata. Os alumnos Martín Souto Fernández (2º curso do ciclo superior de Mantemento Electrónico) e Héctor Sánchez Bellón (2º curso do ciclo superior de Automoción) acadaron as medallas de ouro nas especialidades de Electrónica e Tecnoloxía do Automóbil, respectivamente; mentres que Erick Rodríguez Pequeño (2º curso do ciclo superior de Automatización e Robótica Industrial) obtivo a medalla de prata en Control Industrial.

O certame, organizado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, reuniu a preto de 250 estudantes de 76 centros educativos de toda Galicia, que demostraron as súas habilidades en 36 especialidades profesionais. Durante o acto inaugural, o conselleiro Román Rodríguez animou o alumnado participante a dar o mellor de si mesmos e destacou que os gañadores das medallas de ouro terán a responsabilidade de representar a Galicia no campionato nacional SpainSkills 2026, que se celebrará en Madrid do 24 ao 28 de febreiro do próximo ano. 

Parabéns e agradecemento a todo o alumnado e profesorado participante, polo seu esforzo, dedicación e compromiso coa excelencia na Formación Profesional.

Redes sociais