O “ESPANTALLO” TRASPASA FORMATOS

O “ESPANTALLO” TRASPASA FORMATOS

Pasaron xa máis de catro décadas dende que Espantallo amigo, de Xosé Neira Vilas veu a luz. Lonxe de esmorecer, o texto reinvéntase con cada nova adaptación teatral. A derradeira, a aposta da compañía Os Quinquilláns, conxuntamente coa Editorial Galaxia, que se estreou en sete concellos en decembro pasado dentro do programa de dinamización lingüística da Consellería de Cultura Nadal na Rede.

Coordinación EDLG. Fonte – El Correo Gallego

Agora, o texto traspasará formatos para converterse nunha película de animación. O guionista e director cubano de debuxos animados, Ernesto Padrón, quere converter Espantallo amigo nunha das súas xenuínas obras. Segundo explica Neira Vilas, Ernesto Padrón remitiralle unha proposta de animación para que o autor do libro faga a súas achegas. Xa adianta o escritor que probablemente o director cubano cambie o final da historia, por outro máis feliz. "Di que lle parece moi triste. Pola miña banda, non lle poño trabas".

Segundo Neira Vilas, a Padrón gustoulle a humanidade do espantallo, e os valores que se tratan no libro, como a solidariedade, a concordia e a harmonía humana. O intelectual galego subliña que Espantallo amigo inspirouse nas lembranzas que calaron nel en Cuba, especialmente a solidariedade. E a figura do protagonista, o espantallo, está inspirada nunha vivencia da infancia. “Lembraba aquel espantallo colgado nunha figueira nunha finca cando ía coa miña nai á feira de Bandeira”, recalca, apuntando que mesturando as dúas lembranzas comezou a tecer a historia do espantallo.

O texto, escrito no 1970, veu a luz un ano despois, da man da editorial Celta de Lugo e posteriormente a Editorial Galaxia. Espantallo amigo foi traducido ó vasco, ó catalán, ó ucraíno e ó inglés e tamén a ONCE o publicou en braille para nenos cegos Sen embargo, una das etapas de Espantallo amigo que Neira Vilas lembra con moita honra foi a acollida e o tratamento que esta obra tivo en Francia: no 1982 Le banque de l´image “fixo una adaptación teatral en francés para representar Espantallo amigo no Theatre École”. “Tamén foi representado nesa mesma data na Sala Municipal de Festas parisina, con actores, músicos e bailaríns; e un ano despois, o 21 de xuño de 1983 representouse no parque de flores Montsouris. Fíxose baixo o patrocinio do Ministerio de Cultura francés; tres días despois, 106 colexios da periferia de París porían en escena a obra. No 1983 representaríase no auditorio romano de Nimes, xa a cargo dunha compañía profesional” sinala o autor.

Preme sobre a seguinte ligazón para descargar a nova.

Share this post