Ir o contido principal

Acreditación 2019

 

INSTRUCIÓNS PARA O REXISTRO E PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES CONVOCATORIA 2019

Estase a traballar nunha nova convocatoria do proceso de acreditación de competencias. Lea detidamente a forma de presentación das solicitudes (hai cambios respecto de anteriores convocatorias).


Avánzase información sobre a presentación de solicitudes para a próxima convocatoria 2019. Solicitudes e inscrición.

A solicitude de participación no procedemento deberá presentarase obrigatoriamente por vía electrónica na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e requirirá da cumprimentación previa dos datos na aplicación informática que se atopa no enderezo www.edu.xunta.es/acreditacion desde onde deberá xerarse o formulario normalizado. Isto significa que deberemos:

- Rexistrar a solicitude empregando esta aplicación informática.
- Presentar a solicitude na sede electrónica da Xunta de Galicia.


Procedemento para rexistrar unha solicitude.

Como se indicou antes, o rexistro da solicitude deberá realizarse mediante a aplicación informática de xestión do procedemento www.edu.xunta.es/acreditacion. Ao igual que para as anteriores convocatorias, realizarase a carga de datos relacionados coa formación e /ou experiencia profesional que se alega, así como daqueles relacionados có historial profesional e formativo.

Para realizar o rexistro dunha solicitude prema en <<2. Solicitante>> e posteriormente en <<2.1 Rexistro de solicitudes>>. Na listaxe de convocatorias co período de inscrición aberto prema na convocatoria do ano 2019 en <<Seleccionar>>. Unha vez seleccionada poderá elixir entre rexistrar unha solicitude nova ou acollerse a opción de recuperar e actualizar a carga de datos para o caso de que se tivese presentado en convocatorias anteriores.

O proceso de xeración de solicitude, realizarase en varios pasos: datos do solicitante, solicitude de unidades de competencia, formación alegada, experiencia profesional alegada, historial profesional e formativo e CurrículumVitaeEuropass.

É moi importante que antes de proceder con cada un dos pasos lea atentamente a información que se disporá na parte superior da pantalla o que sen dúbida lle axudará a realizar a solicitude correctamente.

Para completar ou modificar a solicitude, por terse saído da aplicación, prema en <<2.2 Edición de solicitudes e consulta de expediente>>. Poderá acceder logo de introducir o DNI e códigos solicitados.

Unha vez rexistrada a solicitude e completada a carga de datos deberá premer na pestana “Pechar e enviar solicitude”. Na aplicación abrirase unha ventá para conectar coa sede electrónica (non se poderá imprimir a solicitude para presentala).


Procedemento para presentar a solicitude (obrigatorio por sede electrónica).

O proceso de presentación da solicitude é moi sinxelo. Como se indicou antes, despois de pechar a solicitude, a persoa interesada deberá premer na opción “enviar a sede electrónica” e nese momento accederá a esta plataforma (no enderezo https://sede.xunta.gal) na que deberá asinar a solicitude empregando algún dos certificados electrónicos admitidos ou a Chave365. 

Como xa se indicou, esta convocatoria ten a novidade de que as solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, para o cal será necesario posuír algún dos certificados electrónicos admitidos ou darse de alta no sistema Chave 365. Neste último caso poderá empregarse calquera das vías que se establecen no seguinte enlace: https://www.xunta.gal/chave365/que-e ; onde se facilitará una chave que permitirá realizar de forma electrónica diversos trámites naqueles procedementos que así o estableza a Xunta de Galicia. 

Recoméndase utilizar a Chave 365 para presentar a solicitude posto que tamén permitirá asinar a documentación requirida a diferencia doutros certificados dixitais (noutro caso requirirá descargar e instalar Autofirma).


Presentación da documentación requirida (obrigatorio por sede electrónica).

A documentación requirida deberá presentarse xunto coa solicitude tamén por sede electrónica. Deberá polo tanto, xuntar un escanado da correspondente documentación acreditativa do xeito que se lle indica na sede electrónica. Recórdase que a documentación requirida fai referencia á experiencia profesional e/ou formación alegada en cada caso (informe de vida laboral actualizado, contratos de traballo ou certificados de empresa, certificados dos cursos de formación (non de títulos), e historial profesional e formativo no formato CurriculumVitae Europeo (Europas).

O certificado de empresa xérase, no formato establecido, desde a aplicación informática a partir dos datos cargados, ao igual que o currículo CVE.


Comprobación de datos.

A consellería comprobará automaticamente todos aqueles datos aos que a persoa solicitante autorice expresamente na súa solicitude, e polo tanto non tería que achegar ningún documento acreditativo deses datos (DNI/NIE, no caso de persoas estranxeiras, certificado de residencia en España, discapacidade recoñecida pola Xunta de Galicia e situación actual de desemprego).

O prazo de presentación de solicitudes previsto será desde o día 14 de xaneiro ao 7 de febreiro de 2019, ambos os dous incluídos.


Pode consultar esta información no seguinte enderezo:

https://www.edu.xunta.es/acreditacion

O CIFP Politécnico de Santiago acolle ao redor de mil cincocentos alumnos e alumnas en oito familias profesionais, convertíndose nun punto de encontro entre a formación profesional e o mundo laboral.

Redes sociais